sábado, 5 de febrero de 2011

Mermelando outonos.

E non é porque non sepa que estamos en Febreiro. Pero os días melancólicos e, en definitiva, os días de outono existen en todas partes. Agóchanse entre as páxinas do periódico, baixo as alfombras ou nos posos de cada taza de té que deixes ao bordo da cama, na mesita. Eses días de feltro, de punto e follas molladas. Que so queres un lume e un rabo de gato que atigrado se mova darriba abaixo. E unha aperta túa, miña rula, porque sen ti non hai existencia posible, nin mandarinas, nin collares de castañas...
Así que declaro aberto o concurso de receitas para marmelar e facer marmelada destes días de outono que se atopan só de poucos en poucos e tes que coller ao vóo como pequenas ninfas, agarralas pola cabeleira.
E eses días sen ti, sen poesía, sen sol amarelo e laranxa, eses días de hospital Ucraniano, de limpeza soviética, de asepsia baleira e hiperventilante, poder tomar té de mel e ceras Manley, recordar cada bico no papel acuarelable, que ahí se gardan as cousas fermosas que han secar porque estiveron vivas
. E untar tostas, non con philadelphia "spread a little love today..." que é bonito, pero non outono nin stradivarius, senon con marmelada. Marmelada de bohemia, de estufa, de rabo de gato, de outono, punto e a túa aperta laranxa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario