miércoles, 20 de abril de 2011

Vamos pintadores de tiza, falade!

Leite con galletas, cintas de cassete, rúas polas que se circula con cada par de rodas en cada carril... quizais iso é ao que se refiren moitos coa inocencia dos nenos. Pero todo isto é, sobre todo, consecuencia das plumas de pato. E das toupas. Porque se sobrentende a inocencia como un crelo todo a ollos abertos, como un aceptalo todo sen ningún tipo de escepticismo; e é precisamente ese escepticismo o que os redime, aos nenos, a famosa inocencia é só iso, escepticismo ante todo.
Ante o mundo e o que non é mundo, ante as persoas, ante os Reis Magos e o Papanuele, ante os anuncios da tele e a broma máis atolondrada de calquer adulto (entendendo aquí por adulto mesmo os nenos que xa perderon a inocencia ou escepticismo). Isto é, que aínda as cousas máis inverosímiles que razoadamente son imposibles son quenes de arrincar dos nenos un chisco de dúbida. E iso é a inocencia.


Que os nenos son puros, anxiños, nunca desexan o mal de ninguén, están sempre alegres, non son conscientes dos problemas dos adultos, non se ven tentados polos praceres da carne e demáis conachadas só aqueles que non recordan a súa infancia son quenes de dicilo. Os nenos minten e enganan, aman e corrompen; se poden, utilizan; choran e pasan terribles e amargos tragos, son moi conscientes dos problemas que hai ao seu redor e sí; xente, nais e pais e monxiñas de todo o mundo; os nenos pequenos teñen sexualidade e pecan de luxuria coma todo o mundo.


A inocencia non está sobre nin infravalorada, é só un erro de concepto, e se a infacia é tan preciosa é precisamente por ese cúmulo de sensacións e a combinación da continua exploración de tódolos rincóns do mundo (a maldade, a dor, a risa, o engano, o oco da escaleira, a preocupación e o propio corpo) co escepticismo que todo este lles provoca. Os nenos son xeniais polo seu cúmulo de contrastes; se fosen puros serían ovos imaculados, e mesmo estes rompen.

No hay comentarios:

Publicar un comentario