Tantos séculos levan filósofos, poetas, artistas, buscando o eterno, o perfecto... e algo así tamén buscaba eu, e atopara na miña vida. Ese amor eterno que non morrerá por nada, que o inunda todo coa súa calma e mece a vida en nubes de caramelo. Unha promesa de migallas de pan nun parque, de pombas, que estarán ahí sempre, polos séculos dos séculos, as mesmas, nas prazas... E de repente comézache a asquear iso. A perfección, aburrida, a eternidade, interminable. Os ventos das paixóns que xuraches seguir sempre cálmanse arredor do perfecto e do bucólico de dous corpos esmigallando pan de onte, dous corpos de quen sabe cantos anos, que se arremuíñan nos recordos pausados e sosegados do amor perfecto, do amor entregado e correspondido, á súa maneira. Nunca un berro, nnuca un abandono, nunca unha renuncia nin un desprezo. Pincháronse os globos de helio vermello e arrincáronse as espiñas amarelas e a monotonía é unha góndola que por Venecia xa me parece branda de máis. As pombas son ratas do aire. Asquéame a perfección e a nosa normalidade superposta como se de verdade vivísemos unha historia, como se de verdade tivésemos historia. Pero sempre tivemos respeto de máis, malditas pombas. Malditas promesas namoradas que xa me abafan nas sogas de sal e vou tirar ovos contra a túa porta.
Recordo as festas da Ascensión, cando era pequena. Eran unhas festas moi importantes, sempre había algodón de azucre, atraccións e unha noria enorme. Tamén un postiño pequeno, como unha tómbola en miniatura, cun estanque. Os patiños de goma flotaban movidos pola corrente que creaban as aspas do muíño conectado ao xerador trala farola e eu pescábaos sempre todos. E o agasallo era un peixe. Un peixe laranxa nunha grileira, pois aquelas peceiras servían máis adiante para meter os grilos que devoraban os meus bocadillos de mortadela. Eses peixiños laranxas, que vivían só unha semana, fixéronme asociar os peixes con algo efímero e sen sentido. Cando comecei a ver os peixes nos poemas, como simbolismo dos sentimentos indigneime. Agora reconcilieime con eles e volvo correndo descalza pescar patiños de goma, seguindo as labazadas dun vento imposible que me estampa contra as esquinas. Os peixes son os sentimentos. Futís, insensatos, traizoeiros, vivos, rechamantes, acaparadores, efímeros. E ao final só che deixan a grileira dos recordos, que bos ou malos tanto dan, son todos igual de bonitos e igual de susceptibles de ser convertidos en texto. Así que cando me din conta de que os peixes rondaban a miña vida, coméndome as pombas que se me aferraban estrañas ao pelo, xirei con ganas de que me levasen, que non me deixasen coas pombas, en stand by, inmortal e pefecta. Quero ser corrompida pola vida e pola morte e notar a putrefacción na carne dos meus ósos.